O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, confirmou a existencia dunha investigación que afecta a cinco gardas civís no marco de varias causas xudiciais abertas a raíz dunha operación contra o tráfico de drogas iniciada en Carballo. O representante estatal non ofreceu máis detalles ao estar as actuacións baixo segredo de sumario.
Segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a investigación ten a súa orixe nun procedemento que o pasado ano levou á detención de seis persoas vinculadas a un clan familiar por presuntos delitos contra a saúde pública, pertenza a grupo criminal e branqueo de capitais.
Segundo informou a TVG, no marco desa causa, dous axentes son investigados por suposto encubrimento ou favorecemento do tráfico de drogas e por revelación de segredos. Ademais, a titular do xulgado abriu outras cinco causas relacionadas con presuntos delitos de revelación de información privilexiada, estafa, falsidade documental, extorsión, suborno e posibles actuacións vinculadas ao tráfico de influencias.
