O BNG denunciou este martes o que considera unha situación de abandono da canle do río Castro por parte da Xunta de Galicia e reclamou actuacións urxentes para mellorar o estado deste curso fluvial.
Os portavoces municipais en Muxía, Cee e Dumbría, Mercé Barrientos, Serxio Domínguez e Xaime Trillo, aseguraron que varios tramos do río presentan acumulacións de troncos, ramas e outros restos vexetais procedentes das riadas dos últimos invernos, o que, segundo indican, dificulta o paso da auga e afecta ás ribeiras.
Segundo explican, durante unha visita á zona comprobaron a presenza de árbores de gran tamaño e outros elementos que obstaculizan o leito do río, así como o deterioro das sendas fluviais e a proliferación de especies invasoras. Entre os puntos sinalados figura a ponte de Vaosilveiro, onde afirman que existe unha árbore que dificulta o paso da auga.

Os representantes do BNG sosteñen que esta acumulación de vexetación pode incrementar o risco de inundacións e favorecer procesos de contaminación das augas. Ademais, lembran que a Xunta anunciou este ano actuacións en 300 quilómetros de canles fluviais, aínda que aseguran que non teñen constancia de actuacións previstas no río Castro.
“A Xunta anunciou este ano que actuarían en 300 quilómetros de canles fluviais, mais non nos consta que a demarcación hidrográfica Galicia Costa nin Augas de Galicia teñan previsto actuar no Castro”, manifestaron os portavoces nacionalistas.
O BNG tamén advertiu da existencia de verteduras de augas residuais procedentes de núcleos que, segundo indican, carecen de sistemas de depuración operativos. Os nacionalistas consideran necesario reforzar as tarefas de conservación, retirada de biomasa, eliminación de especies invasoras e mantemento periódico da canle para garantir a protección ambiental e reducir o risco de inundacións na contorna do río.


