O pleno ordinario celebrado este venres 29 de maio en Santa Comba celebrouse coa única presenza dos concelleiros do PSOE.
Nesta sesión, aprobouse a petición dunha subvención nominativa a Deputación para a pavimentación da vía entre Os Amenzóns e Carboeiro (pasando por Portochán) , na parroquia de Freixeiro, cun orzamento de 245.000 euros ive engadido, dos cales o executivo provincial asumirá o 80% do custo (196.000 euros) e a parte restante corresponderá ao concello (49.000 euros).
Durante a sesión, Alberto Romar manifestou que nesta lexislatura “estamos facendo máis obras ca nunca”, e afirmou que o concello estaba traballando para mellorar o período medio de pago a proveedores.
A ausencia do PP de Santa Comba
A través das redes sociais o PP xustificou a ausencia dos seus edís denunciando a “actitude dictatorial do alcalde” ao que recriminan o aprazamento “da sesión fixada para o día de Santa Rita por ser a festividade da patroa dos funcionarios da administración local, coincidindo, seguramente por casualidade, con tres días nos que o rexedor estivo fóra do municipio tal e como publicou o Boletín Oficial da Provincia”.
Os populares aseguran que advertiron “da imposibilidade de asistencia de tres edís por motivos profesionais e persoais que se argumentaron para que se tivese en conta” á hora de fixar a data da sesión.
“Diante deste novo atropelo a unha oposición ninguneada continuamente polo grupo de goberno, ós edís do PP decidiron non acudir ó pleno fixado para hoxe de xeito arbitrario por quen demostrou unha vez máis creer que o mundo xira ó seu arredor” manifestan desde o PP.
Resposta de Alberto Romar
Na súa intervención plenaria, o mandatario asegurou que o cambio de data veu motivada pola celebración de Santa Rita e que a oposición foi informada “con tres semanas de antelación” recriminando que non propuxeran “outro día”.
Para Romar a ausencia dos concelleiros foi “unha falta de respecto” aos seus votantes e a cidadanía xalleira en xeral.
O mandatario asegurou que no grupo municipal “había persoas que sí querían asistir” e atribuiu a decisión a unha “pataleta” da portavoz popular.

