O concello de Muxía aprobou os orzamentos co voto favorable do goberno bipartito (Independentes e PP) e do BNG. O PSOE votou en contra.
Os orzamentos ascenden a 5.141.000 euros, «nivelados» en ingresos e gastos. O alcalde Javier Sar destacou o aumento de 130.000 euros en investimentos reais, e tamén nos apartados de apoio a asociacións, melloras en abastecemento ou o impulso dun plan de limpeza dotado con 150.000 euros.
Sar destacou que non aumenta a presión fiscal: “Non suben os impostos para nada”, E defendeu a xestión económica do goberno: “Houbo que apretar o cinturón para a estabilidade financieira”, sinalando que se cumpriu co plan económico- financieiro.
Iago Toba: “Contas que farán afondar no declive de Muxía”
O portavoz do PSOE foi moi crítico coas contas e apuntou directamente ao BNG: “O BNG volve a dar as costas aos seus principios e votantes, apoiando unhas contas donde se adica máis fondos ás festas que a inversións e mantementos”. Iago Toba Campaña denunciou que o goberno só adicará 3´6€ de cada 100 para inversións e mantementos.
Segundo os socialistas, apoiar estas contas “sería o mesmo que apoiar contratos irregulares de limpezas, eliminación de personal nos colexios, aumento de carga fiscal ás familias para conciliar, renunciar a grandes e pequenas inversións en infraestructuras, olvidarse do mantemento e fomentar o gasto en lupandas”.
Os socialistas pensan que non se solucionan os problemas do municipio: “Vemos claramente como actua este goberno. Son contas que farán afondar máis no declive de Muxía, que se iniciou coa moción de censura”.
O PP defende a actual xestión
Desde o PP, Sandra Vilela respondeu ás criticas do PSOE asegurando que “gastamos en festas bastante menos ca vostede” pero “a programación cultural mellorou un 400%”.
Sinalou que Toba “non ten outra saída que ensuciar ao goberno” e lembrou que o actual executivo estaba licitando servizos que estaban sen regularizar por parte do anterior goberno”.
O apoio do BNG
O BNG apoiou os orzamentos. Mercé Barrientos manifestou que “a veciñanza de Muxía non debe de permitirse estar con orzamentos prorrogados” e que o voto en contra do BNG “non soluciona nada”.
A concelleira nacionalista non ocultou a súa preocupación pola falta de xestión: “Estaría ben o aforro se tiveramos as necesidades cubertas pero hai falta de execución presupostaria”, e cuestións pendentes como o arranxo das depuradoras. Criticou “o nivel de investimento baixo” do concello.
O voto do BNG foi determinante, xa que pola ausencia dunha concelleira do PP, o resultado foi de empate, resolto nunha segunda votación, polo voto de calidade do rexedor independente.

