O BNG reclamou no Parlamento galego a paralización inmediata da macroplanta de biogás proxectada en Soandres, no concello da A Laracha, e demandou á Xunta a elaboración “inmediata” dunha normativa propia para regular a implantación deste tipo de industrias en Galicia.
O deputado nacionalista Óscar Insua acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de “querer traer toda a merdallada que ninguén quere” e criticou que o Partido Popular manteña o seu apoio ao proxecto promovido pola empresa Bioenergía A Coruña.
Manifestación do 9 de maio
Durante a súa intervención, Insua lembrou que existe unha ampla oposición social e institucional á instalación da planta e puxo como exemplo a manifestación celebrada o pasado 9 de maio na Laracha, que cualificou de “histórica”, con centos de participantes. Tamén destacou o rexeitamento expresado polos concellos da Laracha, Carballo, Coristanco, Cerceda, Culleredo e Arteixo, ademais da Deputación da Coruña.
O deputado nacionalista deu tamén a benvida aos membros da Plataforma Stop Biogás na Laracha, á portavoz municipal do BNG, Carolina Castiñeira, e a representantes de ADEGA, presentes no pleno do Parlamento.

Insua advertiu dos impactos ambientais e territoriais que, ao seu xuízo, provocará a infraestrutura. Segundo detallou, a planta ocuparía máis de 95.000 metros cadrados de solo rústico nas proximidades do río Anllóns e trataría 63.500 toneladas anuais de residuos. Ademais, asegurou que xeraría máis de 30.000 toneladas de efluentes líquidos e case 20.000 toneladas de dixestato sólido, cun tránsito previsto de 13 camións diarios e un consumo anual de 1,5 millóns de litros de auga.
Detrás da pancarta
O parlamentario criticou tamén que o estudo de impacto ambiental non contemple unha modelización dos cheiros, malia que o núcleo de Vistalegre se atopa a menos de 300 metros da futura instalación.
Na súa intervención, o deputado do BNG fixo referencia ás declaracións do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, quen asegurou tras visitar outras plantas similares que os cheiros eran “insoportables”. “Se podes ver as alegacións presentadas polo concello contra este proxecto, calquera diría que son do Partido Popular”, ironizou.
Insua respondeu ademais ás críticas realizadas previamente desde o PP ás protestas veciñais contra este tipo de proxectos. “Eu hoxe pregúntolle ao PP se os que están detrás da pancarta son alborotadores, ou mellor poden preguntarlle ao alcalde da Laracha, que tamén está detrás da pancarta”, afirmou.
