A Garda Civil detivo un veciño de Carballo, de trinta e dous anos de idade, como presunto autor dunha multitude de roubos no interior de vehículos estacionados nunha ruta de sendeirismo do municipio de Zas.
A investigación foi desenvolvida polo Equipo ROCA de Carballo tras detectarse un incremento dos delitos contra o patrimonio na zona. Segundo informou a Garda Civil, os feitos producíanse nos aparcadoiros dunha coñecida contorna natural frecuentada por visitantes e sendeiristas.
O presunto autor aproveitaba a ausencia dos propietarios para acceder aos automóbiles. Para iso utilizaba unha ferramenta similar a un desaparafusador, coa que forzaba a ventá ata fracturar o cristal e acceder ao interior dos vehículos.
Diversos obxectos roubados
Entre os obxectos subtraídos figuran bolsos, carteiras, xoias, equipos informáticos, teléfonos móbiles, lentes de sol e cartos en efectivo.O valor económico dos efectos roubados supera os quince mil euros, aos que hai que engadir os danos ocasionados nos vehículos afectados.
A Garda Civil localizou e interceptou o sospeitoso o pasado dezasete de maio. No momento da súa identificación comprobouse tamén que conducía un vehículo sen ter obtido nunca permiso de condución, polo que se lle imputa ademais un delito contra a seguridade viaria.O detido e as dilixencias instruídas foron remitidos ao Xulgado de Garda de Corcubión.

