O Concello de Vimianzo anunciou a celebración da terceira edición do Foro de Liderado Feminino no Rural “Alza Voz de Muller”, que terá lugar os días 16 e 17 de abril de 2027. O anuncio realizouse durante a clausura da segunda edición do encontro, celebrada esta fin de semana na Casa da Cultura e na que participaron preto de 200 mulleres chegadas de diferentes puntos de Galicia.
Ao longo de dúas xornadas, o foro reuniu a profesionais, emprendedoras e representantes de distintos ámbitos sociais e institucionais arredor dun programa centrado no liderado, o emprendemento e a transformación social dende o rural. Baixo o lema “Da consciencia á acción para liderar, emprender e transformar dende o rural”, o encontro contou con relatorios, mesas de diálogo e talleres experienciais orientados ao desenvolvemento persoal e profesional das asistentes.
Entre as participantes destacaron profesionais como Nuria Varela, Gemma Fillol e Nuria Robleño, que abordaron cuestións relacionadas coa igualdade, a comunicación, o emprendemento e a necesidade de reforzar as redes de apoio entre mulleres no ámbito rural.
O programa incluíu tamén varias mesas de diálogo nas que participaron referentes galegas de distintos sectores para analizar os retos estruturais que continúan afectando ás mulleres, especialmente no rural. Entre as asistentes ás mesas estiveron Belén do Campo, Patricia Iglesias, Mercedes Queixas, Rosa Arcos, Eva López Barrio, Lorena Añón, Cecilia Trancón e María Mira.

«Un movemento que non debe parar»
A clausura correu a cargo da concelleira de Benestar Social, Sanidade, Igualdade e Atención Cidadá de Vimianzo, María José Pose, quen destacou a evolución do proxecto e o seu impacto máis alá do propio evento. “Alza Voz de Muller vai moito máis alá dun evento. Alza Voz de Muller xa é un movemento que non pode e que non debe parar”, sinalou durante a súa intervención.
O encontro, promovido polo Concello de Vimianzo coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, pechouse reafirmando o compromiso coa visibilización do liderado feminino e coa creación dunha rede activa de mulleres comprometidas coa transformación social e territorial dende o rural.


