O II Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte “Alza Voz de Muller” reuniu esta fin de semana en Vimianzo a arredor de 200 mulleres de diferentes puntos da provincia nun encontro centrado na visibilidade, o liderado e a creación de redes de apoio no rural.
A Casa da Cultura converteuse durante dúas xornadas nun espazo de reflexión, intercambio de experiencias e análise sobre os retos que afrontan as mulleres nos ámbitos político, profesional e emprendedor.
A cita arrancou cun acto inaugural no que participaron a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio E. Abalde; a directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta, María Quintiana Pérez; a deputada provincial Rosa Ana García; e a vicerreitora da USC Lorena Añón. Durante as intervencións púxose o foco na necesidade de consolidar espazos de encontro que contribúan a visibilizar o papel das mulleres no desenvolvemento do rural e na xeración de novas oportunidades de liderado.
Na súa intervención, Mónica Rodríguez destacou que “Vimianzo é un territorio con carácter e con identidade e non é casualidade que Alza Voz de Muller se celebre no noso municipio”.
Baixo o lema “Da consciencia á acción”, a primeira xornada estivo marcada por relatorios orientados a ofrecer contidos prácticos e inspiradores arredor do talento feminino e da participación activa das mulleres no territorio rural.
A primeira ponencia foi desenvolvida pola escritora e xornalista, Nuria Varela, que ese mesmo día en Radio Xallas valorou a importancia de foros como o organizado na capital de Terra de Soneira.

Segunda xornada do Foro Alza Voz de Muller en Vimianzo
A segunda e última xornada profundou especialmente na participación política, a exposición pública, as barreiras estruturais no emprego e no emprendemento, así como na importancia de crear alianzas entre mulleres.
Unha das mesas de diálogo abordou o papel das mulleres na política baixo o título “Facer política sendo Muller: poder, exposición e responsabilidade”, coa participación de Belén do Campo, Patricia Iglesias e Mercedes Queixas, quen coincidiron na necesidade de seguir avanzando cara unha representación máis igualitaria e na importancia de facer visibles referentes femininos.
Ao longo da mañá tamén participaron a consultora de comunicación Gemma Fillol e a emprendedora Nuria Robleño, que ofreceron reflexións e ferramentas prácticas arredor da proxección profesional e o liderado.
Xa pola tarde desenvolveuse a mesa “O sistema non é neutro: barreiras invisibles no emprendemento e no emprego”, coa participación de Eva López Barrio, Rosa Arcos e Patricia Vilán.
O foro completouse con diferentes obradoiros experienciais centrados no impulso de proxectos, a sostibilidade persoal e económica e a toma de decisións profesionais. O encontro pechouse cunha dinámica participativa orientada á creación de redes e alianzas entre as asistentes, reforzando así o obxectivo de fortalecer o liderado colectivo das mulleres no rural.


