A artesá muxiá Lucita Figueroa converteuse nos últimos días nun fenómeno viral nas redes sociais grazas a un vídeo no que amosa o seu traballo como palilleira, desde o Parador de Turismo da Costa da Morte. Pero a súa biografía acumula décadas de traballo coa almofada.
Nunha entrevista concedida a Radio Xallas, Lucita repasou a súa traxectoria, falou das dificultades do oficio e reivindicou o valor dunha artesanía que considera pouco recoñecida.
Entrevista a Lucita Figueroa
Figueroa explicou que o encaixe forma parte da súa vida desde pequena e que medrou rodeada de palilleiras. “Miña nai palillou toda a vida”, lembrou, destacando tamén o papel das mulleres que dedicaron décadas a este traballo nun contexto moi difícil. “Se chegaran a ver isto, estarían contentas porque nunca se honrou ás palilleiras”, afirmou.
A súa nai é Mercedes Rodríguez (D.E.P.) que foi galardoada co Premio Antonio Fraguas no 1998.
Máis apoio para o encaixe de bolillos
A artesá relatou que o éxito viral chegou de maneira inesperada, cando comezou a recibir mensaxes e reaccións nas redes sociais tras difundirse un vídeo no que aparecía traballando. “Fun consciente cando me chamaron da televisión e da radio”, comentou, sorprendida pola repercusión acadada. Actualmente, algunhas desas publicacións acumulan millóns de visualizacións.
Lucita Figueroa tamén aproveitou a entrevista para reivindicar a situación das palilleiras e da artesanía tradicional. “Eu penso que non se valora o suficiente”, sinalou, advertindo ademais das dificultades para garantir o relevo xeracional. Segundo explicou, moitas profesionais do sector son persoas maiores e considera necesario un maior apoio institucional para evitar a desaparición do oficio.

Amosando o seu arte no Ézaro e en Muxía
Durante a conversa, a palilleira lembrou os seus comezos vendendo pezas na zona da Cascada do Ézaro. “Empecei cunha mesiña de plástico”, explicou, relatando como pouco a pouco foi ampliando o seu espazo de traballo ata consolidar a súa actividade artesanal tanto no Ézaro como no Parador da Costa da Morte.
Figueroa explicou que, ademais de realizar demostracións en directo para turistas e visitantes, vive da venda das súas creacións feitas a man. “O meu obxectivo é vender porque teño que vivir disto”, indicou.
Entre os produtos máis demandados destacou os detalles personalizados, bolsos, marcapáxinas, chales e outras pezas de encaixe tradicional.
A artesá insistiu tamén no valor humano e artístico do traballo manual fronte á produción industrial. «A máquina vai rápida, pero isto facémolo a man… notas que está feito co corazón.» afirmou, subliñando as horas de dedicación necesarias para elaborar cada peza.
Lucita Figueroa asegurou sentirse orgullosa de representar a Costa da Morte e de contribuír á difusión da cultura galega. “Levo a miña zona dentro”, afirmou, destacando que tamén loce o traxe tradicional galego mentres palilla.


