A Casa da Cultura de Vimianzo acolle este venres 8 e sábado 9 de maio a segunda edición do Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte “Alza Voz de Muller”, unha cita que se consolida tras o éxito da primeira convocatoria.
O encontro, promovido polo Concello de Vimianzo coa colaboración da Deputación da Coruña e da Dirección Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, supera xa as 120 persoas inscritas, na súa maioría mulleres procedentes de distintos puntos da provincia.
Este foro pretende consolidarse como un espazo de referencia para a reflexión, a aprendizaxe e o impulso do liderado feminino no ámbito rural, favorecendo o intercambio de experiencias e a creación de redes profesionais.
Baixo o lema “Da consciencia á acción para liderar, emprender e transformar desde o rural”, a cita reunirá destacadas profesionais e referentes a nivel estatal, que participarán en distintas actividades orientadas ao desenvolvemento persoal e profesional das asistentes.
O evento contará con relatorios, espazos de diálogo e dinámicas participativas nas que se ofrecerán ferramentas prácticas e se fomentará a toma de decisións, así como o fortalecemento dunha comunidade de mulleres con intereses compartidos.
Entre as participantes desta edición figuran nomes como Gemma Fillol (consultora de marca persoal), Nuria Varela (xornalista e escritora), Eva López Barrio (experta en emprendemento feminino), Rosa Arcos (Fademur), Cecilia Trancón (Caolines de Vimianzo) e Lorena Añón (vicerreitora da Universidade de Santiago de Compostela), entre outras.
As inscricións seguen abertas e poden formalizarse de xeito gratuíto a través da páxina web oficial: alzavozdemuller.com.

