A artesanía tradicional do encaixe da Costa da Morte gañou proxección internacional nas redes sociais da man de Lucita Figueroa Rodríguez (Encajes Lucita), unha palilleira de Muxía cuxo vídeo traballando no Parador Costa da Morte acadou máis de catro millóns de visualizacións.
Lucita aprendeu a palillar con seis anos na súa casa, guiada pola súa nai, e desde entón mantén viva unha tradición que forma parte da identidade cultural da comarca. A artesá recoñeceu a súa sorpresa polo impacto da publicación e explicou que o seu principal obxectivo é render homenaxe ás mulleres que conservaron este oficio ao longo das xeracións.
«Non esparaba tantos millóns mirando o video»
“Moi contenta porque a min gústame homenaxear a estas mulleres coas que aprendemos, nosas nais, as avoas que grazas a elas estamos aquí”, sinalou en declaracións a TVG.
A palilleira continúa elaborando encaixe tanto en Muxía como na contorna da fervenza do Ézaro- Dumbría, onde adoita chamar a atención de visitantes e turistas estranxeiros. Segundo relata, moitos deles sorpréndense ao comprobar como se poden crear pezas artesanais empregando unicamente paus, fíos e patróns tradicionais.
“Pensan que é maxia. Os estranxeiros quedan sorprendidos e din como cun pau e fío se fan estas obras de arte”, explicou.
Lucita Figueroa destacou tamén a complexidade desta técnica artesanal, que require precisión, rapidez e moitas horas de dedicación. Comparou o proceso creativo co traballo doutros oficios artísticos e técnicos, indicando que as palilleiras crean as súas pezas a partir de patróns e debuxos tradicionais.»“O encaixe é como seguir unha partitura” afirma.
Na actualidade continúa traballando con modelos antigos herdados das mulleres da súa familia, mantendo viva unha tradición histórica ligada ao encaixe galego.

