O escritor e profesor xubilado Fernando Cabeza Quiles faleceu sobre as 13:00 horas deste primeiro de maio, cando practicaba unha das súas paixóns, o ciclismo. Segundo explicaron desde o 112 Galicia, un particular informou de que “un ciclista sufrira unha caída nunha costa empinada, no quilómetro 1 da DP-1914”, á altura de Vivente, na parroquia de Ardaña.
Mobilizáronse distintos efectivos, entre eles Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que só puideron certificar o falecemento desta querida persoa afincada en Carballo. Agora agárdase a autopsia no Instituto de Medicina Legal de Santiago.
Deixa unha fonda pegada
Cabeza Quiles, de 73 anos, era un experto en toponimia con libros como “Os nomes de lugar”, que tiveron unha grande repercusión. Recentemente publicou o libro de relatos “Defuntos e santos inocentes” (Espiral Maior). Con motivo da súa presentación en Santa Comba, Cabeza Quiles visitou Radio Xallas, onde foi entrevistado e, días despois, participou nunha tertulia xunto con Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Antonio Andrade e Santiago Pazos.
Conmoción polo pasamento de Cabeza Quiles
A dura noticia do pasamento do escritor causou unha fonda conmoción en toda a bisbarra. Non tardou en sentirse esa dor a través das redes sociais. O editor e amigo Fernán-Vello escribía: “Meu querido Fernando, o baleiro que eu agora sinto, diante da túa definitiva ausencia física (na miña memoria estarás sempre), non ten nome nin fondo. Déixasnos, meu amigo de pura cepa e tantas complicidades, nunha soidade que nos atravesa e nos divide cruelmente no tempo”.
Para outro amigo, Santiago Pazos: “Hoxe, nun momento incomprensible, do mapa de Galicia desapareceron todos os topónimos”.
Fernando Cabeza Quiles deixa a súa pegada a través da súa extensa bibliografía, pero tamén pola súa experiencia vital e pola súa conexión coa sociedade civil. Desde o Instituto de Estudos Bergantiñáns, entidade da que foi socio fundador, expresaron o seu “máis sentido pésame”.
Tamén queda aquí a súa lembranza, nunha crónica desas que non apetece ter que escribir. Boa viaxe, Fernando.

