O grupo municipal de Espazo Común Mazaricos, encabezado polo seu portavoz Javier González, convocou unha comparecencia pública para o vindeiro luns 4 de maio ás 12.00 horas, coincidindo cunha manifestación veciñal diante do centro de saúde da Picota, en Mazaricos para protestar pola situación da atención primaria no municipio.
Segundo trasladou a formación, a mobilización responde á “precaria situación sanitaria” que, ao seu xuízo, sofre a localidade, marcada por recortes no servizo e pola diminución de recursos asistenciais. Entre as principais queixas, sinalan o peche continuado do centro de saúde os sábados, o que obriga á veciñanza a desprazarse ata Santa Comba para atender necesidades sanitarias básicas.
Así mesmo, denuncian unha redución do persoal médico, que pasou de catro profesionais a tres, con xornadas nas que un único facultativo debe asumir a atención de toda a poboación do municipio.
Espazo Común tamén critica a “inacción política” do goberno local do BNG e do Partido Popular de Mazaricos, aos que acusa de non cumprir os acordos de unidade acadados recentemente para defender os servizos públicos básicos ante a Xunta de Galicia.
Durante a convocatoria, desde Espazo Común explicarán ós medios de comunicación, as próximas accións que prevén desenvolver e reclamarán ao Sergas medidas urxentes para reverter unha situación que cualifican de “abandono deliberado do rural”.
A manifestación está aberta á participación da veciñanza e pretende visibilizar o malestar existente ante a evolución da atención sanitaria no municipio.

