O Concello de Vimianzo deu conta este xoves, nunha rolda de prensa celebrada na Vivenda Comunitaria, do estado actual dos servizos municipais de atención social e conciliación, así como do proceso de contratación tras o abandono da anterior empresa concesionaria. No encontro participaron a alcaldesa, Mónica Rodríguez a concelleira de Benestar Social, María José Pose, e a traballadora social e técnica responsable do contrato, Sandra Abeijón.
A alcaldesa cualificou o proceso vivido nos últimos meses como de “enorme dificultade”, tanto no ámbito profesional como persoal, e lembrou que a administración local está obrigada a actuar con “máxima rigorosidade, cumprimento legal e responsabilidade”. Segundo indicou, o obxectivo prioritario foi garantir a continuidade dos servizos esenciais e protexer ás traballadoras afectadas.
Contratos dos Servizos Sociais
Pola súa banda, a técnica responsable explicou que o contrato de xestión dos servizos —que inclúen a vivenda comunitaria, o comedor e lavandería sobre rodas e a escola infantil municipal— foi formalizado en febreiro de 2005, cunha duración inicial de 16 anos e posibilidade de prórroga ata un máximo de 20. En febreiro de 2021 elaborouse un informe de avaliación da calidade no que máis do 95 % dos indicadores superaban os 8 puntos, o que motivou a prórroga máxima do contrato.
Desde o goberno local subliñouse que esta decisión estivo avalada por informes técnicos, enquisas a persoas usuarias e traballadoras e controis continuos. “A prórroga non foi arbitraria, senón baseada en datos obxectivos e transparentes”, destacou a concelleira de Benestar Social.
No que respecta á evolución dos prezos, indicouse que estes foron actualizados conforme ao IPC ao longo dos anos, sen que a empresa concesionaria acreditase a necesidade de revisión adicional, o que, segundo o Concello, evidencia a correcta xestión municipal.

Abandono por parte da empresa
A situación deu un xiro o pasado 18 de febreiro de 2026, cando a empresa comunicou o abandono dos servizos, afectando a 170 persoas usuarias e 33 traballadoras. Ata ese momento, segundo explicou a alcaldesa, non existían argumentos legais que permitisen iniciar un novo proceso de contratación.
Tras esta decisión, o Concello asumiu directamente os gastos necesarios para garantir o funcionamento dos servizos, evitando a interrupción da atención e traballando para salvagardar os dereitos laborais do persoal. Desde o executivo local atribúese a situación ao “incumprimento, irresponsabilidade e abandono de servizos esenciais por parte da empresa saínte”.
O proceso de licitación resultou complexo debido á interdependencia dos catro servizos e ás dificultades derivadas da falta de documentación completa por parte da empresa anterior. O primeiro procedemento quedou deserto, polo que se iniciou un novo que foi finalmente adxudicado á empresa Galicia Vella, formalizándose o contrato o pasado 8 de abril.
Segundo destacou a alcaldesa, a nova concesionaria asumiu a situación con responsabilidade e o 17 de abril quedaron saldadas todas as débedas coas traballadoras, estando na actualidade completamente regularizada a súa situación.
O Concello anunciou ademais que está a preparar accións legais para reclamar responsabilidades á empresa anterior e defender os intereses municipais.
A rolda de prensa concluíu cun agradecemento ao persoal municipal, á nova empresa e, especialmente, ás traballadoras dos servizos, das que a alcaldesa salientou que “foron quen, nos momentos máis difíciles, garantiron con profesionalidade e humanidade a atención ás persoas maiores e á infancia”.
O goberno local reafirmou finalmente o seu compromiso coa calidade, continuidade e mellora dos servizos públicos, incidindo na vontade de seguir traballando con responsabilidade e transparencia en beneficio da veciñanza.

