O Concello de Muxía continúa cos traballos de mantemento e acondicionamento da Praza do Coído, unha actuación orientada a recuperar un dos espazos públicos máis representativos do municipio e mellorar as súas condicións de uso para a cidadanía.
A intervención céntrase na reparación do firme, a corrección de irregularidades e a posta a punto dunha zona que nos últimos anos presentaba un visible deterioro. O obxectivo municipal é devolver este punto de encontro á veciñanza en condicións adecuadas de seguridade, accesibilidade e imaxe.
O concelleiro de Mantemento e Limpeza, José Luis Santiago, sinalou que “esta actuación era unha prioridade, xa que falamos dun espazo moi utilizado pola veciñanza e que levaba demasiado tempo sen as condicións axeitadas. Estamos a traballar para garantir seguridade, accesibilidade e unha mellor imaxe para todos”.
Pola súa parte, o alcalde, Javier Sar, destacou que “a recuperación da Praza do Coído é un exemplo do compromiso deste goberno municipal coa mellora dos espazos públicos e coa calidade de vida da nosa xente. Queremos que cada recuncho do municipio sexa un lugar digno, coidado e pensado para o uso e desfrute da cidadanía”.
Durante a xornada, José Luis Santiago e a tenente de alcalde, Sandra Vilela, visitaron a zona para comprobar a evolución das tarefas e recoñecer o labor do persoal municipal encargado da execución dos traballos.
O Concello subliña así a súa aposta pola conservación e mellora dos espazos públicos como ferramenta para reforzar a convivencia e dinamizar a vida social do municipio.

