O Goberno de España avanzou novos detalles do plan para reforzar a presenza do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) na Costa da Morte mediante unha reorganización que contempla a creación dunha base administrativa en Cee, o mantemento das instalacións actuais de Muros e o despregamento de embarcacións na contorna da ría de Corcubión e Camariñas.
Segundo a información facilitada polo Executivo central, a nova configuración busca “ampliar o radio de acción e a capacidade de resposta respecto do esquema anterior”, dentro dun proceso coordinado pola Delegación Especial de Galicia e pola Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira. O obxectivo declarado é reforzar os medios materiais en Galicia, con especial atención á franxa costeira da Costa da Morte.
O plan baséase en análises técnicas comparativas de desprazamento por mar e por terra dentro do ámbito operativo da comarca. O novo modelo prevé actuación simultánea nas rías de Muros, Corcubión e Camariñas, así como un incremento de efectivos destinados a Cee. Ao mesmo tempo, manterase persoal nas instalacións de Muros para garantir a operatividade actual. O número definitivo de funcionarios, segundo o Goberno, concretarase na planificación de recursos humanos e na asignación efectiva de medios.
No apartado material, está prevista a presenza dunha semirríxida cabinada Rodman 33, un patrulleiro de altura Rodman 101 e outra embarcación semirríxida non cabinada. O patrulleiro de maior tamaño tería base en Cee e asumiría actuacións en mar aberto, mentres que as restantes unidades complementarían tarefas de vixilancia no interior das rías. Para iso, estímase necesaria a construción dun pantalán en Brens cun investimento aproximado de 150.000 euros.
Ademais, reforzarase a coordinación entre Cee e Muros ao depender ambas instalacións dun mesmo responsable de base. A base marítima da Coruña prestaría apoio á zona norte da ría de Camariñas.
Reaccións do BNG e do PP
O anuncio xerou reaccións políticas favorables, aínda que con distintas lecturas. O BNG expresou a súa “satisfacción” por considerar que se atende unha demanda histórica da comarca. O deputado Oscar Insua sinalou que a formación seguirá reclamando que a medida se materialice “o máis axiña posible” e destacou a necesidade de reforzar a protección costeira fronte ao narcotráfico, valorando o traballo desenvolvido polo grupo nacionalista.
Pola súa banda, o PP valorou positivamente a continuidade da base de Muros xunto á creación da nova infraestrutura en Cee. A deputada Paula Mouzo Mas interpretou a decisión como unha “rectificación” do Goberno central e asegurou que o Partido Popular defendeu nas distintas institucións unha solución que permitise mellorar medios sen perder capacidades noutras zonas estratéxicas da costa galega.
Os populares sosteñen que a presión exercida desde o ámbito político, social e sindical contribuíu a modificar o deseño inicial e a compatibilizar ambas bases. Mouzo Mas subliñou que trasladou esta reivindicación tanto ao Parlamento de Galicia como ao Congreso dos Deputados, incidindo en que era preciso garantir os dereitos do persoal e a eficacia operativa do servizo.
Así mesmo, o PP instou ao Executivo estatal a continuar reforzando os recursos destinados á Vixilancia Aduaneira en Galicia e a manter unha interlocución constante cos profesionais e coas administracións afectadas para adaptar os medios ás necesidades reais do litoral galego.

