O Concello de Santa Comba celebra a Semana da Saúde, que se desenvolverá entre o 10 e o 18 de abril baixo o lema “Coidarse hoxe é gañar saúde mañá”.
A programación busca achegar á veciñanza ferramentas prácticas en ámbitos como a saúde física, mental, familiar e a alimentación, facendo fincapé na prevención primaria e secundaria como elementos clave para mellorar a calidade de vida e detectar sinais de alerta.
A concelleira de Benestar e Promoción da Saúde, Estefanía Calvelo, subliñou que “estas xornadas permiten achegar información útil á veciñanza e fomentar que cada persoa se implique no coidado da súa saúde desde o día a día”.
Ademais, nunha entrevista en Radio Xallas, Calvelo incidiu no enfoque das xornadas, centrado na implicación activa da cidadanía e “poñer o foco en que somos suxeitos activos e participativos na saúde no noso día a día”.
Programa de actividades
A Semana da Saúde comezará o venres 10 de abril cunha sesión sobre solo pelviano no ximnasio municipal, de 18.00 a 19.30 horas, impartida pola fisioterapeuta Vanesa Pérez, especializada en uroxinecoloxía. A actividade abordará o funcionamento do solo pelviano e o seu coidado en diferentes etapas vitais.
O sábado 11 de abril, de 11.00 a 12.00 horas, a Casa de Cultura acollerá un taller de psicoloxía e saúde mental impartido por Daniel Pérez, que terá continuidade cunha segunda sesión o sábado 18 de abril. Segundo explicou a concelleira, estas sesións buscan ofrecer ferramentas prácticas para “aprender a escoitarnos, crear hábitos saudables e saber pedir axuda cando o precisamos”.
Na mesma xornada do sábado, de 17.00 a 18.30 horas, a Casa do Pozo será escenario dun obradoiro de benestar familiar en formato de musicoterapia, dirixido por Damián Cairo. A actividade abordará a comunicación e o apoio emocional no ámbito familiar, especialmente en situacións de enfermidade.
A programación continuará o domingo 12 de abril cunha sesión sobre alimentación antiinflamatoria, de 11.00 a 12.00 horas na Casa de Cultura, impartida por Yasmina Domínguez, do departamento de nutrición da Federación Galega de Esclerose Múltiple. A actividade analizará o papel da alimentación na prevención de enfermidades, especialmente as de carácter autoinmune.
Colaboración e enfoque comunitario
A iniciativa conta coa colaboración da asociación “Unha amiga sabe ver que precisas unha aperta” e da Federación Galega de Esclerose Múltiple, reforzando a dimensión social do programa.
Desde o Concello faise un chamamento á participación da veciñanza e á implicación de profesionais e entidades locais en futuras edicións. Como sinalou Calvelo, “que se animen a participar” e tamén “que nos lancen ideas que ímolas a recoller”.
A Semana da Saúde consolídase así como unha proposta orientada a promover a educación sanitaria, o autocoidado e a prevención, especialmente nun contexto rural onde o acceso a determinados recursos pode ser máis limitado.
“Buscamos falar dos tres piares fundamentais da promoción da saúde e da prevención do envellecemento: a actividade física, a alimentación e a nutrición e a promoción da saúde mental”, apuntou Estefanía Calvelo na emisora de Santa Comba.

