A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou a gratuidade da autoestrada AG-55 e acusou á Xunta de manter un trato “discriminatorio” coa veciñanza de Bergantiños e da Costa da Morte, tras lembrar que o Goberno galego destinou 300 millóns de euros ao rescate doutras autoestradas.
Pontón participou en Carballo na presentación dunha campaña impulsada polo BNG para pedir a liberalización desta vía, que cualificou de “esencial” para unha poboación de máis de 100.000 persoas. “Estamos aquí para reclamar algo que é de xustiza: a gratuidade da AG-55”, afirmou.
A líder nacionalista cuestionou que a Xunta non adopte esta medida nesta infraestrutura e preguntou “por que a AG-55 non”, incidindo en que a veciñanza leva “30 anos pagando peaxes”.
Campaña de mobilizacións e iniciativas pola gratuidade da AG-55
O BNG anunciou o inicio dunha campaña con mobilizacións e iniciativas institucionais para reclamar a supresión das peaxes nesta autoestrada. Pontón sinalou que se trata dunha vía clave para desprazamentos por motivos laborais, educativos ou sanitarios nunha zona con limitadas alternativas de transporte.
Ademais, criticou o estado da infraestrutura e pediu á Xunta que esixa melloras no mantemento e no servizo á concesionaria.
A portavoz nacional avanzou que o Bloque levará esta demanda ao Parlamento de Galicia e asegurou que a formación manterá a presión “até que se poña fin a unha situación inxusta”.
No acto participaron tamén representantes municipais do BNG, entre eles o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, xunto a cargos locais das comarcas afectadas.

