A presidenta do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, acusou este venres ao portavoz do PSOE local, Iago Toba, de empregar “o insulto e o desprezo” cara ás persoas con problemas de saúde mental no ámbito político.
Nun comunicado, Vilela denunciou o que cualificou como unha “actitude reiterada” por parte do dirixente socialista cara a concelleira popular de Política Social que se atopa de baixa laboral por recomendación médica. Segundo indicou, non se trataría dun feito puntual, senón dun comportamento mantido no tempo.
A responsable popular asegurou que Toba chegou a referirse esta edila “dicindo literalmente que ‘está pallá’”, unha expresión que considerou “absolutamente ofensiva, indigna e intolerable en calquera ámbito, e máis aínda en boca dun representante público”.
Vilela criticou ademais que, segundo a súa versión, non se producise ningunha rectificación nin petición de desculpas. “Lonxe de rectificar, pedir desculpas ou amosar un mínimo de humanidade, o portavoz socialista segue insistindo en utilizar a enfermidade dunha persoa como arma política”, afirmou.
No mesmo comunicado, tamén cuestionou a postura das direccións socialista provincial e galega, ao entender que “gardan silencio” ante estes feitos, o que ao seu xuízo as converte en “cómplices necesarios destas actitudes”.
Axudas ao nacemento
A presidenta do PP de Muxía advertiu de que este tipo de declaracións contribúen a manter o estigma arredor da saúde mental. “Actitudes como estas son as que perpetúan o estigma arredor da saúde mental e fan que moitas persoas sigan sufrindo en silencio”, sinalou.
En relación cunha recente nota de prensa do PSOE sobre axudas ao nacemento, Vilela cualificou o seu contido de “rotundamente falso” e acusou aos socialistas de basear a súa acción política na “mentira, a polarización e a crispación”.
Desde o PP de Muxía aseguran que non participarán na confrontación política, pero si defenderán “a dignidade das persoas” e denunciarán cada falta de respecto. “Non imos permitir que se volva sinalar, ridiculizar ou utilizar a enfermidade dunha persoa”, concluíu.

