O grupo municipal socialista de Muxía advertiu que presentará unha denuncia contra o goberno local se non se reactivan de inmediato as axudas por nacemento, unha prestación que, segundo aseguran, leva sen tramitarse desde o ano 2024.
O portavoz socialista, Iago Toba Campaña, sinalou que esta situación coincide coa chegada do novo executivo, e sostén que desde entón non se concedeu nin xestionou ningunha destas axudas destinadas ás familias. Estas prestacións consisten nun pago único de 1.000 euros por nacemento.
“Como oposición responsable, non vamos a consentir que o goberno lle quite o dereito a unha axuda a calquera familia que cumpla os requisitos só porque o goberno esté máis pendiente das festas e lupandas que das políticas sociales importantes nunha concellería orfa de mando”, afirmou.
Os socialistas consideran que a paralización destas axudas supón unha privación dun dereito para as familias beneficiarias e advirten de posibles irregularidades na súa xestión. Por este motivo, avanzan que acudirán á vía xudicial no caso de que o executivo non adopte medidas inmediatas para recuperar o servizo.
Sen resposta do goberno de Muxía
Ademais, o grupo municipal lembra que recentemente solicitou ao goberno local que fixese públicos os datos das axudas concedidas desde finais de 2024, co obxectivo de verificar a situación. Segundo indican, ata o momento non obtiveron resposta.
Os socialistas tamén apuntan a problemas organizativos no executivo, ao asegurar que a área responsable destas prestacións carece de dirección efectiva desde hai meses, sen que se produza unha reasignación formal das competencias.
Finalmente, o PSdeG de Muxía sinala que manterá unha vixilancia sobre a evolución do caso e informará á veciñanza das medidas que se adopten, co obxectivo de garantir a continuidade das axudas.

