O Concello de Dumbría organiza durante a Semana Santa unha programación especial de animación á lectura baixo o título Abril de libros, que se desenvolverá nas cinco bibliotecas municipais con actividades dirixidas principalmente ao público infantil.
A iniciativa inclúe distintos obradoiros e propostas educativas co obxectivo de fomentar o uso das bibliotecas e achegar a lectura á veciñanza durante o período festivo. Entre as actividades previstas destacan os obradoiros de manualidades de madeira para Pascua, impartidos por Muxiarte, así como talleres de encadernación.
Bibliotecas de Dumbría
As actividades desenvolveranse en diferentes parroquias do municipio. O luns 30 de marzo haberá sesións en Buxantes, ás 11:00 horas, e no Conco, ás 17:00. O martes 31, as propostas trasladaranse a Berdeogas pola mañá, mentres que pola tarde haberá actividades no Conco. O mércores 1 de abril, o programa continuará no Ézaro pola mañá e novamente no Conco pola tarde. Ademais, o luns 6 de abril está prevista unha sesión en Olveira pola mañá e outra no Conco pola tarde .
O programa complétase con iniciativas como “Bibliotecarias/os por un día”, que permitirá aos participantes aprender o funcionamento das instalacións, e actividades de manualidades de primavera, tamén distribuídas entre Olveira e O Conco en distintas xornadas.
En paralelo, o Concello establece horarios especiais de apertura das bibliotecas durante estas datas. Así, as instalacións de Olveira, Buxantes, Berdeogas e O Ézaro abrirán en horario de mañá, mentres que a biblioteca do Conco funcionará en horario de tarde en varias das xornadas programadas .
Con esta programación, o Concello de Dumbría busca dinamizar a actividade cultural no municipio e ofrecer alternativas de lecer educativo durante a Semana Santa, reforzando o papel das bibliotecas como espazos de encontro e aprendizaxe.


