O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Santa Comba reclamou ao goberno municipal que aboe “de maneira inmediata” as cantidades que, segundo denuncia a formación, se lle adebedan ao persoal do Concello, entre elas os atrasos da suba salarial aprobada para as administracións públicas e diferentes horas extraordinarias.
O portavoz local do BNG, Juan David Sixto, criticou que o executivo municipal continúe sen facer efectivo o pagamento destes atrasos. Segundo explicou, o cadro de persoal segue sen percibir os atrasos derivados da suba salarial aprobada polo Goberno central para o conxunto das administracións públicas. O BNG considera que o Concello debe cumprir coas obrigas laborais e facer efectivo o pagamento das cantidades pendentes.
Servizo de Axuda no Fogar
A formación nacionalista denunciou tamén a situación das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Segundo indicou Sixto, “nin se lle pagan as horas extras acordadas nin sequera teñen o descanso semanal estipulado”, en referencia ao traballo realizado os sábados.
O portavoz nacionalista cualificou esta situación de “inxusta e discriminatoria” e reclamou ao goberno municipal que corrixa de inmediato estas circunstancias e aboe as horas extraordinarias realizadas, incluídas as derivadas de traballos en sábados e festivos.
Ademais, o BNG apuntou que o impago afectaría tamén a outros colectivos municipais, entre eles a Policía Local, no relativo ás colaboracións realizadas con outros concellos durante eventos como feiras ou festas.
Por último, Sixto reclamou a convocatoria da mesa de negociación co obxectivo de abordar esta situación coa representación do persoal e desbloquear o pagamento das cantidades pendentes. Segundo indicou, o Concello debe “cumprir a lei e atender as demandas lexítimas do persoal municipal”.

