A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse este luns co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, para abordar actuacións en materia de saneamento no municipio, encontro no que ambas administracións acordaron impulsar a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) no lugar de Beo, na parroquia de Vilanova de Santiso, cun investimento estimado de 1,25 millóns de euros.
Segundo informou a Xunta, a través de Augas de Galicia, o Goberno galego asumiría o 80% do custo do proxecto, mentres que o 20% restante correspondería ao Concello. A actuación contará ademais con financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural Galicia 2021-2027.
A previsión das dúas administracións é formalizar nas vindeiras semanas un convenio de colaboración que permita licitar as obras durante o primeiro semestre de 2026.
Durante a reunión tamén se abordou a situación da actual estación depuradora situada no lugar da Balsa, na parroquia de Buño, co obxectivo de avaliar posibles actuacións de mellora e estudar fórmulas de cooperación institucional para levalas a cabo no futuro.
No encontro, a conselleira lembrou que as competencias en materia de saneamento e depuración corresponden ás entidades locais, aínda que sinalou que a Xunta mantén liñas de apoio técnico e financeiro aos concellos para facilitar a prestación destes servizos.
Neste sentido, o departamento autonómico destacou que o orzamento de Augas de Galicia para 2026 ascende a 151,7 millóns de euros, un 5,5% máis que no exercicio anterior. Do total, 108,7 millóns —aproximadamente sete de cada dez euros— destinaranse a actuacións relacionadas co abastecemento e o saneamento, dos que 73,6 millóns se reservarán para investimentos en infraestruturas hidráulicas.

