A Deputación da Coruña avanzou esta semana no desenvolvemento do Parque do Megalitismo da Costa da Morte nunha xuntanza de traballo celebrada no Centro Arqueolóxico de Dombate cos concellos participantes no proxecto.
O encontro estivo presidido polo deputado de Patrimonio, Xosé Penas, xunto con técnicos dos departamentos de Arquitectura e Patrimonio da institución provincial e responsables políticos e técnicos municipais. O alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, exerceu de anfitrión da reunión, xa que o dolmen de Dombate —propiedade da Deputación— está previsto como epicentro dos roteiros e do parque.
Na xuntanza abordáronse tres cuestións principais: a sinalización das rutas e bens patrimoniais do parque, o estado das expropiacións e a titularidade dos terreos e a incorporación dos integrantes do comité científico do proxecto.
No relativo á sinalización, a Deputación presentou unha proposta de modelo unitario e sinxelo para identificar as rutas e os emprazamentos dos bens patrimoniais. Segundo explicou Penas, o obxectivo é ofrecer información patrimonial complementaria sen competir coa sinalización turística existente nas estradas. A proposta foi aprobada polos concellos e adaptarase tamén aos outros parques que xestiona a Deputación, como Compostela Rupestre e o Parque da Idade de Ferro.

Sobre as expropiacións e a titularidade dos terreos, o deputado informou de que está en tramitación un contrato para desenvolver os traballos relacionados coa primeira fase do proceso. Segundo indicou, o expediente atópase nun estado avanzado e só queda pendente da aprobación da fiscalización, que se prevé nas próximas semanas.
Durante a reunión tamén se abordou a comunicación e difusión do proxecto en medios e redes sociais. Entre as propostas está a creación dunha páxina web común na que participen os concellos implicados e a Deputación, xunto cos outros parques patrimoniais que xestiona a institución.
Penas valorou positivamente a reunión e destacou que houbo acordo nos puntos tratados, aínda que sinalou que o proceso de desenvolvemento do parque está a avanzar con lentitude debido a cuestións administrativas.
A Deputación prevé convocar unha nova xuntanza entre agosto e setembro para continuar co seguimento do proxecto e avanzar, especialmente, na licitación das actuacións relacionadas coa sinalización e co proceso de expropiación dos terreos.

