A sección sindical da CIG na empresa XEAL presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social por supostos incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais tras rexistrarse varios accidentes cualificados como graves polo sindicato.
Segundo informou a organización sindical nun comunicado, un dos incidentes tería implicado un risco vital pola imposibilidade de escape inmediata, motivo polo que solicita unha actuación inspectora urxente para avaliar a posible existencia dun risco grave e inminente nas instalacións industriais.
A CIG atribúe estes feitos á redución do cadro de persoal, á sobrecarga de tarefas e á falta dunha planificación preventiva eficaz, factores que, segundo indica, estarían a incrementar a exposición a riscos nunha actividade que inclúe manipulación de metal fundido, exposición a fumes industriais e elevados esforzos físicos.
No escrito remitido á autoridade laboral tamén se denuncia unha presunta vulneración dos dereitos do delegado de prevención ao cuestionarse o uso do seu crédito horario para tarefas relacionadas coa avaliación da carga de traballo.
O sindicato solicita a adopción de medidas correctoras que garantan a seguridade e saúde do persoal.

