A CIG-Saúde da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza vén de anunciar a convocatoria dunha concentración diante do Centro de Saúde de Santa Comba baixo o lema “Pola seguridade nos postos de traballo. Coa nosa saúde non se xoga”, en protesta polo grave deterioro que sofre o centro desde hai anos e que, segundo o sindicato, “pon en risco a seguridade e saúde, tanto das persoas usuarias como das traballadoras”.
O sindicato lembra que hai máis de tres anos presentou varias denuncias ante a autoridade laboral e nos órganos de Prevención e Saúde da área sanitaria, sen que se traduciran en actuacións efectivas. Tamén lamenta que non se actuara fronte ás preguntas formuladas sobre esta cuestión no Parlamento de Galicia a través de BNG.
A CIG-Saúde sinala que a titularidade municipal do centro dificulta a coordinación entre administracións, pero afirma que “isto non pode servir en ningún momento de escusa ante o deterioro progresivo e decadente do centro, tanto na parte de PAC como na do Centro de Saúde”.
Entre as deficiencias denunciadas destacan temperaturas de 12ºC no bloque de consultas, instalación eléctrica obsoleta que provoca interrupcións, goteiras e humidades persistentes, cheiros a fosa séptica, falta de illamento no tellado e áreas de tellas rotas ou deterioradas con risco de desprendemento, así como unha zona administrativa cuxa funcionalidade está obsoleta.
A CIG-Saúde fai un chamamento a participar na concentración, que terá lugar o xoves 19 ás 11:00 horas diante do Centro de Saúde de Santa Comba.

