O deputado do BNG por Bergantiños e a Costa da Morte, Oscar Insua, anunciou que levará ao Parlamento galego a preocupación da veciñanza de Brenlla pola instalación dunha antena de telefonía móbil preto das vivendas.
O parlamentario unha reunión coa veciñanza, acompañado do portavoz municipal do BNG, Henrique Serra, na que escoitou de primeira man as súas inquedanzas e demandas. Insua anunciou que presentará diversas iniciativas parlamentarias para que a Xunta de Galicia interveña e atenda as solicitudes dos afectados.
Críticas ao goberno local de Coristanco
O BNG de Coristanco indicou que os veciños se dirixiron ao Concello para que fixese xestións ante a empresa instaladora, pero que a acollida das autoridades municipais “non foi todo o boa que era de agardar”. O deputado reclamará “que a Xunta de Galicia busque unha solución satisfactoria para todos”.
Henrique Serra subliñou que “o alcalde debería mostrar máis sensibilidade coas demandas da veciñanza afectada, porque a súa función é defender os intereses dela, non os das empresas instaladoras”.
Oscar Insua criticou tamén que o Concello alegase descoñecemento sobre a ubicación da antena, situada nunha parcela pertencente a un membro da lista do alcalde, e sinalou que existen “máis lugares onde se podería instalar sen afectar tan directamente ás vivendas, mantendo a mellora da cobertura na zona”

