Para lembrar/homenaxear ao xalleiro Fernando Pintos e trasladar as nosas condolencias á familia e amigos non se nos ocorre mellor maneira de facelo que reproducindo un texto dos seus compañeiros e compañeiras do CEIP Barrié de la Maza. DEP Fernando !!!!
Fernando Pintos Recarey, sempre na nosa lembranza!!
Nos últimos días a nosa comunidade educativa despediuse con fonda tristura dun compañeiro e mestre inesquecible. A súa marcha deixa un baleiro difícil de expresar, mais tamén unha pisada fonda que permanecerá viva en cada aula, en cada recuncho do colexio e no corazón de todo o alumnado, das súas familias e de todo o pobo de Santa Comba.
Un texto de despedida a un MESTRE é máis que un adeus; é unha homenaxe a todo o ensinado e aprendido, unha forma de expresar gratitude por cada lección impartida, cada palabra de alento, cada xesto de apoio e cada momento vivido na aula.
Fernando entendía a educación como un acto de coidado. Para el, o máis importante era o benestar emocional dos nenos e nenas, que o alumnado se sentira respectado e sobre todo querido.
Cantas veces ten expresado que só se aprende de verdade cando a persoa se sente escoitada!!! Imposible solucionar unha disputa entre dous menores se non están sosegados…
Estaba atento ás palabras, pero tamén aos silencios; aos momentos de ledicia, mais tamén ás preocupacións. Acompañaba con paciencia, ofrecía apoio e construía confianza cada día, facendo da escola un espazo seguro e humano.
Amante da fotografía e da palabra, atopaba na poesía e nas súas fotos unha forma de expresar a súa sensibilidade porque esa era a súa maneira de estar no mundo: traballar na procura continua da felicidade de todos e todas con valentía.
Como coordinador do comedor escolar, asumiu a responsabilidade con entrega e compromiso e tentou sempre que ese tempo fose tamén educativo: un momento para aprender a convivir, compartir e medrar en valores.
Hoxe todo o Barrié chora… Despedímonos con dor e rabia polo seu prematuro pasamento mais tamén con gratitude.
Grazas pola túa entrega, pola túa humanidade e por lembrarnos que educar é, ante todo, coidar das persoas. Ten por seguro que o teu exemplo seguirá acompañándonos sempre.
Rematamos estas palabras reproducindo textualmente o discurso improvisado que deu o pasado 19 de decembro, o último día que impartiu docencia, para abrir o brinde co persoal do comedor escolar, lugar onde pasou gran parte do seu tempo no centro como coordinador dese servizo:
“Por tanto tempo compartido, por tantas horas, por tantas disputas, por tantos desencontros pero tamén por tanto tempo que traballamos xuntos, que colaboramos, que fixemos e que logramos. Porque tamén logramos moitas cousas, aínda que ás veces parece que o malo é o único que queda, pero o bo tamén está aí. Entón (brindemos) por un futuro estupendo e marabilloso, para todas, todos e todes e moita felicidade, sobre todo felicidade”
Por sempre, para sempre, eterno Fernando Pintos Recarey.


