A oposición municipal de Corcubión, solicitou a convocatoria dun pleno extraordinario para instar ao goberno local a anular de forma inmediata todas as sancións administrativas derivadas das cámaras de control de tráfico instaladas na Praza Castelao.
Segundo trasladan os grupos da oposición —PSdeG-PSOE, Partido Popular e Sempre Corcubión—, a medida responde aos “numerosos erros detectados” e á “falta de garantías legais” no procedemento sancionador asociado a estes dispositivos, colocados no marco do plan de tráfico impulsado polo BNG no centro urbano.
Aseguran que a implantación e a xestión das cámaras evidenciaron unha aplicación deficiente, con incidencias recorrentes. Tal e como xa manifestara o PSdeG-PSOE este plan foi cualificado como unha “chapuza improvisada”, ao considerar que non resolve de maneira eficaz os problemas de mobilidade nin de estacionamento no casco histórico e que, pola contra, xera inseguridade xurídica entre a veciñanza.
Erros continuados
Entre os principais problemas sinalados pola oposición figuran erros administrativos continuados, con sancións impostas a vehículos cuxas matrículas estaban correctamente rexistradas, así como a falta de respaldo legal suficiente para o funcionamento das cámaras como mecanismo sancionador. Ademais, denuncian que nas notificacións das multas non se inclúen as certificacións técnicas necesarias que garantan a validez das imaxes e dos dispositivos empregados.
Os grupos solicitantes tamén piden ao executivo municipal que facilite toda a documentación relativa á contratación, instalación e posta en marcha das cámaras, incluíndo informes técnicos, xurídicos e económicos.
O pleno extraordinario tería como único obxectivo reclamar a anulación das sancións emitidas mentres non se garanta plenamente a legalidade do procedemento e os dereitos das persoas afectadas.

