A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, confirmou este martes que os informes técnicos solicitados tanto á dirección de obra como á empresa adxudicataria dos traballos de restauración da mina de Monte Neme conclúen que o derrubamento ocorrido o pasado 31 de xaneiro tivo a súa orixe, principalmente, nas intensas precipitacións rexistradas nos últimos meses e na acumulación prolongada de auga no oco mineiro.
En resposta a dúas preguntas orais no Pleno do Parlamento, formuladas pola deputada Patricia Iglesias(PSOE) e Óscar Insua(BNG), Lorenzana explicou que os informes sinalan que o suceso se produciu pola acción combinada da auga de choiva acumulada durante un período prolongado no fondo da corta e dun episodio de intensas precipitacións que incrementou de forma significativa o nivel da auga embalsada.
Segundo indicou, no período de novembro a xaneiro rexistrouse un récord histórico de choiva na zona, cun volume “un 59,4 por cento por riba da media histórica de anos anteriores”, segundo datos de Meteogalicia.
A conselleira apuntou que, de acordo con ambos informes, aínda que nos días previos se fixeran probas de bombeo de auga ao oco sur, estas foron “de reducida envergadura” e o seu volume non foi suficiente en relación coa cantidade recollida polo episodio de pluviosidade.

«A Xunta actuou coa máxima dilixencia»
Lorenzana tamén indicou que, neste momento, a Xunta está facendo unha análise dos solos que puidesen conter cantidades de elementos por riba dos valores normais e que, de ser necesario, se trasladarán ao xestor correspondente co fin de garantir unha restauración integral, non só no espazo mineiro, senón tamén nas zonas que puidesen verse afectadas polo sucedido o 31 de xaneiro.
A conselleira asegurou que ese día a Xunta actuou “coa máxima dilixencia”, despregando medios de forma inmediata para restablecer a circulación entre os núcleos de Aviño e Razo e adoptando as actuacións urxentes indicadas polos informes técnicos. Entre elas, segundo o informe emitido pola dirección de obra o pasado luns, pechar e selar a entrada á bocamina da galería mineira e dispoñer dun tubo de drenaxe na parte inferior do peche para permitir a evacuación controlada da auga e evitar acumulacións e posibles sobrepresións.
No Pleno, Lorenzana defendeu ademais que “cando se externaliza a dirección de obra, non é a Administración a responsable de vixiar a execución das obras” e subliñou que o director de obra ten “unhas responsabilidades moi claras, legalmente establecidas e uns seguros para cubrir precisamente esa responsabilidade”.
Tamén negou que houbera lentitude na resposta e asegurou que “nunha semana e media” xa estaban encargados e dispoñían dos informes sobre as causas, con actuacións de emerxencia en marcha e coa análise dos solos en curso para proceder á retirada dos lodos das zonas con elementos fóra de parámetros e trasladalos a un xestor de residuos.
O contrato das obras de restauración de Monte Neme, tras a licitación por máis de 1,6 millóns de euros —duplicando o orzamento previsto inicialmente— asinouse o 13 de outubro de 2025. As obras comezaron o 12 de decembro de 2025 e atopábanse nunha fase inicial cando se produciu o incidente.

