O BNG e o PSdeG-PSOE cargaron este martes no Parlamento galego contra a actuación da Xunta tras o derrubamento rexistrado na mina de Monte Neme (Carballo/Malpica) o pasado 31 de xaneiro e reclamaron responsabilidades á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, á que ambos grupos atribúen unha falta de prevención e de medidas de seguridade nun espazo que arrastra antecedentes e advertencias técnicas.
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Óscar Insua, denunciou que na zona persisten problemas de seguridade tras un novo incidente, co derrubamento dunha galería e a aparición dunha “enorme fenda” nun dos noiros. Na súa intervención, emprazou á conselleira a asumir responsabilidades e cuestionou a actuación do Goberno galego malia as advertencias previas. “O seu traballo, conselleira, era manter a seguridade na mina de Monte Neme, e incumpriuse. Que ten que pasar para que o seu goberno asuma algunha responsabilidade?”, preguntou.
Insúa sostivo que o risco era “público e notorio” e reprochou que a Xunta non adoptase unha “medida efectiva” para evitar o sucedido o 31 de xaneiro, cando se produciu unha avalancha de auga con lodo que, segundo indicou, chegou a acadar catro metros de altura e un volume aproximado de 10.000 metros cúbicos, arrastrando materiais ao longo de dous quilómetros.
O deputado nacionalista advertiu de que, se as competencias eran da Xunta e o risco era coñecido, “estamos ante un fallo grave dos controis ou ante unha decisión consciente de non actuar”. Tamén lembrou que o Concello de Carballo leva desde 2013 trasladando por escrito a necesidade de restaurar a antiga explotación e adoptar medidas de seguridade, e citou como antecedente a rotura dunha balsa en 2014, cunha riada de 24.000 metros cúbicos que chegou ás casas de Razo e Aviño.

Patricia Iglesias: «A Xunta non fixo nada»
Pola súa banda, a portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou á Consellería de manter unha “inacción prolongada” na xestión das minas abandonadas e asegurou que a Xunta non fixo “nada” desde o colapso dunha balsa de lodos hai 12 anos ata o derrubamento do pasado 31 de xaneiro, que, ao seu xuízo, rematou sen consecuencias graves “por pura chiripa”.
Iglesias reclamou “responsabilidade, transparencia e prevención” e sinalou que a Xunta terá que facer fronte a unha denuncia no xulgado de Carballo por presunto delito medioambiental. Tamén defendeu que a responsabilidade da restauración e da seguridade corresponde á autoridade mineira galega, ao indicar que a empresa titular entrou en concurso de acredores. A parlamentaria socialista pediu que se fagan públicas as análises que Augas de Galicia debería ter realizado nos últimos cinco anos e advertiu de que “algo fallou gravemente na actuación da Autoridade mineira galega”.
Ecoloxistas en Acción levou este tema os tribunais como explicou o portavoz Cristóbal López en Radio Xallas.


