O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou o CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza, en Santa Comba, para comprobar sobre o terreo o avance das obras de rehabilitación integral do edificio, unha actuación na que a Xunta está a investir máis de 1,3 millóns de euros.
A intervención, que se atopa en execución, ten como previsión rematar durante o verán e céntrase na mellora da eficiencia enerxética do centro, co obxectivo de aumentar o confort térmico da comunidade educativa e reducir o consumo.
Durante a visita, Rodríguez situou esta actuación dentro do Plan de nova arquitectura pedagóxica e lembrou que a Xunta leva investidos máis de 210 millóns de euros en traballos de rehabilitación, conservación e mellora de centros de ensino.

«Mellorar o día a día dos nosos centros»
“Falamos de obras de eficiencia enerxética, como cambios de cuberta, canalóns e fiestras, illamento de fachadas, así como de reparacións e intervencións de diferentes envergaduras, que contribúen a mellorar o día a día dos centros”, sinalou.
O titular de Educación destacou tamén o papel dos concellos no mantemento dos centros de Infantil e Primaria, ao tratarse dunha competencia municipal. “Confiamos no compromiso dos concellos neste eido”, engadiu.
Román Rodríguez aproveitou ademais para insistir na necesidade de que o Estado participe no financiamento destas actuacións. O conselleiro defendeu a creación dun Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas que apoie tanto ás comunidades autónomas como aos concellos nas tarefas de conservación. “Temos moito feito, pero aínda queda moito por facer, dado que é unha tarefa continua e permanente”, indicou, lembrando que en Galicia hai arredor de 1.600 edificios educativos cunha idade media elevada.

Obras en Santa Comba
No caso concreto do centro de Santa Comba, os traballos inclúen a renovación da cuberta, o cambio de canlóns e baixantes e a colocación de novo illamento baixo cuberta. Tamén se prevé a substitución completa da carpintería exterior, coa instalación de novas portas e fiestras con dobre vidro e rotura de ponte térmica, así como a aplicación dun sistema de illamento térmico polo exterior nas fachadas.
Segundo os datos facilitados, estas medidas permitirán acadar un aforro enerxético medio do 42%. A actuación complétase con melloras interiores, como a colocación de falsos teitos para reforzar a acústica, a instalación de iluminación LED, a renovación da instalación eléctrica e o pintado do interior do edificio.
Na súa visita, estivo acompañado polo alcalde xalleiro, Alberto Romar, representantes do goberno socialista e da oposición do Partido Popular, e da comunidade educativa encabezados polo director do centro, César Ramos.


