O Concello de Mazaricos puxo en marcha unha nova edición da campaña “Namórate de Mazaricos”, unha iniciativa que busca dinamizar o comercio de proximidade nos días previos ao Día dos Namorados mediante un sistema de tarxetas “rasca” con premios directos.
A campaña conta coa participación de 16 establecementos do municipio e estará activa ata o 14 de febreiro. A clientela que realice compras nos negocios adheridos recibirá unha tarxeta “rasca” coa que poderá obter un vale de compra de maneira inmediata, sen entrar en ningún sorteo.
Segundo explica a organización, “trátase de agradecer á veciñanza a súa confianza no comercio local cun obsequio inmediato, eliminando calquera dúbida ou incerteza”.
Apoio ao comercio de Mazaricos
O tenente de alcalde, Jorge Villar, destacou que a campaña vai máis alá dunha simple promoción comercial e asegurou que “Namórate de Mazaricos é unha iniciativa de apoio ao comercio local, ao de proximidade, ao que xera riqueza aquí e fai comunidade”. Villar subliñou tamén que estes negocios “segue a dar servizo á veciñanza durante todo o ano, mesmo nas datas máis complicadas” e engadiu que “os cartos que gastemos no comercio local xera un retorno moi positivo no noso concello, dinamiza a nosa economía e sostén o noso tecido social”.
O Concello agradeceu a colaboración do tecido comercial e indicou que esta acción pretende supoñer un impulso ao consumo tras “as complicadas datas de xaneiro”, funcionando como “un segundo impulso ao consumo local durante o inverno”, complementando a campaña de Nadal.
Os establecementos participantes nesta edición son Casa Senra, Supermercado Letri, Panadería Maroñas, Rosa Moledo, Calzados Peteyra, Peluquería Corto y Cambio, Óptica Mazaricos, Peluquería Princess Deluxe, Muebles Tanexo, Panadería O Peto, R&C Moda, A Casa de Daniel, Katallana Boutique, O Teu Lavaroupa, Muebles Pinares e Panadería Jurjo.


