A rotura dunha das balsas da antiga mina de Monte Neme volveu poñer no foco a situación dun espazo marcado polos residuos mineiros e por anos de polémica arredor da súa restauración. Cristóbal López, portavoz de Ecoloxistas en Acción, sostén que o ocorrido non pode explicarse como un episodio inevitable provocado pola chuvia, senón como consecuencia dunha actuación deficiente e dunha falta de control.

«Non podes enganar á xente»
Segundo relata, tras inspeccionar a zona, a organización pensa que se “amoreou un montón de terra” na balsa superior, o que provocou que o líquido con residuos se desprazase cara ás balsas inferiores. “Aí embalxou”, explica, ata que a presión rematou por facer estalar unha infraestrutura que cualifica de precaria: “Reventou o peche que tiña a galería, que serían peches duns ladrillos, ou algo moi provisional”.
O resultado, afirma, foi unha saída masiva do contido contaminante a través dun túnel. “Saiu todo disparao pola galería”, describe. Para López, o elemento máis preocupante é a natureza do material liberado: “Todo o líquido que contén un montón de residuos mineiros e, evidentemente, ten metais pesados”. E lembra que a presenza destes compostos xa estaba acreditada: “En 2014, a Xunta acreditou que había contaminación”.
O portavoz ecoloxista subliña que a contaminación por metais pesados non é un problema puntual nin de curta duración. “Hai unha contaminación persistente e que se acumula. Non é algo que botas un veleno e logo desaparece”, advirte. Por iso, considera “bastante irresponsable” negar o risco por parte da Xunta de Galicia e alerta contra mensaxes tranquilizadoras: “Non podes enganar a xente”.

Mala práctica na execución das obras
Ecoloxistas en Acción sostén que o episodio “podería terse evitado” e insiste en que “hai unha mala práctica na execución das obras”. Ademais, López critica que se tente reducir o sucedido a unha cuestión meteorolóxica, cando se traballa en Galicia en pleno inverno: “Non me parece excusa”.
A organización presentou unha denuncia poucos días despois e vén de ampliala. Segundo explica López, o obxectivo é dobre: “Buscamos, sobre todo, que non volva ocorrer” e tamén “que sepan que non hai impunidade”. Resume o fondo do asunto nun principio básico: “Quen contamina, paga”.
No plano social e político, considera clave que o caso non se tape. “Que se fale, xa é un paso. Que non se agoche”, afirma. E advirte das consecuencias económicas e ambientais se a contaminación chega ao mar: “Cando contaminamos o mar, estamos prexudicando a mariscadores e pescadores”. López alerta especialmente do impacto nos bivalvos: “Acumulan rapidamente os metais pesados”.
Para Ecoloxistas en Acción, Monte Neme non é un caso illado, senón un síntoma dun modelo no que, aseguran, a prevención e a restauración seguen chegando tarde.
Entrevista en Radio Xallas


