A corporación municipal de Muxía aprobou por unanimidade o POS 2026. Segundo explicou o alcalde, Javier Sar (Independentes), da partida total de 772.000 euros destínanse 532.000 euros para gasto corrente e 240.000 euros para a mellora da estrada Agranzón-Senande.
Xustificou esta medida “polo desfase económico dos últimos anos de case un millón de euros, xa que estamos tratando de cumprir co Plan Económico Financeiro polo que se fixo en anos anteriores”. Sar indicou que seguían consellos da Intervención e da Secretaría municipal.
Emenda do PSOE de Muxía
O portavoz do PSOE, Iago Toba, cualificou de “incoherencia” esta decisión xa que “vostedes votaron en contra de destinar o POS a gasto corrente”.
Toba presentou unha emenda, que propoñía destinar 179.000 euros para melloras viarias en Leis, Senande e Ozón.
Despois dun cruce de reproches entre o alcalde e o portavoz do PSOE, Javier Sar insistiu na necesidade de destinar fondos para gasto corrente e aclarou que non se podían votar obras sen proxectos. Iago Toba presentou un proxecto desas obras propostas “que está aquí no concello”.
Emenda rexeitada e POS aprobado
Sandra Vilela (PP) sinalou que a opción do gasto corrente viña dada porque “recibimos un concello inmerso nun Plan Financeiro pola súa xestión, que deixou a Muxía intervida”.
Mercé Barrientos (BNG) manifestou que o seu grupo “agora ten a posibilidade de negociar”, algo que non fora posible co goberno socialista, e dixo que mantiñan unha postura política “responsable”. Tamén puxo en dúbida a viabilidade dos proxectos do PSOE polos prazos do POS.
“Nesta votación puidose ver canto de vendidos está o BNG, tendolle que baixar as orellas ao PP de Vilela; puidose ver se o PP quere obras ou gastos en festas e lupandas; e puidose ver o pouco que manda o alcalde Javier Sar neste goberno, sendo o resultado un exemplo de política contra os intereses dos cidadáns”, declarou Iago Toba nun comunicado de prensa.
IxM, PP e BNG rexeitaron a emenda do PSOE. E despois o POS foi aprobado por unanimidade.

