A concelleira do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Vimianzo, Lorena Suárez Pazos, anunciou a súa renuncia á acta de concelleira, que se fará efectiva no pleno municipal do vindeiro 6 de febreiro. Suárez Pazos aclara que a decisión se toma “nun exercicio profundo de honestidade persoal, profesional e política”, pero sen abandonar o seu compromiso co partido nin cos valores nacionalistas.
A motivación principal é poder atender o coidado do seu fillo nos primeiros anos de crianza, ademais de compatibilizar o cargo co seu traballo como docente no IES Terra de Soneira, onde a «redución de profesorado aumentou notablemente a carga laboral». “Aínda que estas faltas están xustificadas administrativamente, non me parece xusto nin para o meu alumnado nin para a miña ética profesional”, explicou.
Continúa como responsable local do BNG
Suárez Pazos seguirá activa como responsable local do BNG en Vimianzo e mantén o compromiso «de traballar por un concello e unha Galiza máis xustos, feministas e sustentables, desde o partido, o ensino público, o ecoloxismo e o activismo social». A concelleira tamén sinalou a falta de participación nos plenos municipais como un exemplo da necesidade de mellorar a democracia local.
«Tal vez no meu último pleno, me concedan o uso da palabra para despedirme, xa que en ningún pleno municipal ma quixeron dar. E este silencio imposto tamén di moito de como se entende a democracia neste concello” comentou a concelleira.
O BNG de Vimianzo, a través de Benxamín Queiro, destacou o labor de Suárez Pazos, valorando a súa coherencia e entrega, e subliñou que «a súa voz seguirá sendo clave na construción dun proxecto nacionalista forte e ao servizo da veciñanza».


