O Grupo Municipal Socialista de Muxía presentou este luns no núcleo rural de Leis o documento “25 propostas para mellorar o Concello de Muxía”, un dossier con posibles actuacións para incluír no POS+ 2026. As iniciativas abranguen diferentes parroquias rurais e o núcleo urbano do municipio.
Segundo explicaron os socialistas, as propostas céntranse principalmente en catro ámbitos: infraestruturas viarias, saneamento, mellora de núcleos e equipamentos públicos. Entre as actuacións recóllense renovacións de firmes en estradas e camiños, melloras de accesos a núcleos, depuradoras en distintas parroquias, actuacións en instalacións deportivas e intervencións en alumeado público e beirarrúas.
Unha das propostas destacadas afecta directamente ao núcleo de Leis, lugar escollido para a presentación do documento. O portavoz socialista, Iago Toba, explicou que o grupo tentou presentar estas iniciativas nunha comisión informativa municipal, pero que a súa proposta foi rexeitada polo bloque formado por BNG, PP e independentes. Acompañaron a Toba os concelleiros Javier Romar, Olalla Benlloch, Felipe Vilela e Patricia Dominguez.
“Este goberno volve demostrar a prepotencia coa que goberna. Pedían diálogo e agora nin queren escoitar as nosas propostas”, afirmou Toba, quen sinalou que, pese a todo, o documento foi rexistrado oficialmente no Concello para o seu estudo.
Pola súa banda, o concelleiro Javier Romar subliñou que o grupo socialista non renunciará a seguir propoñendo iniciativas para mellorar a vida da veciñanza e criticou o que cualificou como “parálise” do actual goberno municipal.
Estas son as propostas do PSOE de Muxía

