Asinado o convenio para impulsar a Senda do Xallas

A casa do concello de Mazaricos acolleu este luns a sinatura dun convenio de cooperación do concello de Mazaricos, coa Deputación provincial e coa empresa XEAL para o acondicionamento da senda do Xallas, un proxecto que permitirá mellorar máis de 70 quilómetros de percorrido paralelo ao río. A achega provincial ascende a 294.999,34 euros, o que representa o 80 % do investimento total, cifrado en 368.749,18 euros.

O acordo foi rubricado polo vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; polo alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco; e pola CEO de Xeal, María Couto. No acto tamén participaron os alcaldes de Zas, Manuel Muíño, e de Santa Comba, Alberto Romar, concellos polos que discorre o trazado da senda e que tamén se verán beneficiados polas actuacións previstas.

A subvención fora aprobada previamente polo pleno da corporación provincial na sesión do 22 de decembro de 2025.

Senda do Xallas

O proxecto ten como obxectivo poñer en valor unha ruta paisaxística de 70,3 quilómetros, destacando os seus valores naturais, culturais e etnográficos, ao tempo que se concibe como unha ferramenta de dinamización do rural e de mellora da mobilidade da veciñanza.

O deseño da senda busca minimizar o impacto ambiental, afastándose do leito do río en determinados tramos para protexer a flora e a fauna e evitar interferencias coa actividade diaria da poboación local.

Turismo da natureza

Durante a sinatura, Xosé Regueira destacou que a senda do Xallas está pensada “para a xente local”, pero tamén como “elemento tractor” para o turismo de natureza, subliñando o carácter singular dun percorrido que discorre polo único río de Europa que desemboca nunha fervenza.

Pola súa banda, o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, sinalou que se trata dun proxecto “traballado durante máis de cinco anos” e destacou que “sen a colaboración de Xeal e sen o apoio económico da Deputación, esta actuación non sería posible”, ao lembrar que o inicio da ruta discorre por terreos da empresa.

O Concello de Mazaricos actuará como entidade representante dun proxecto compartido cos concellos de Santa Comba e Zas, asumindo a xestión das actuacións previstas.

O convenio terá vixencia ata o 31 de outubro e enmárcase nas competencias da Deputación da Coruña de asistencia e cooperación cos concellos.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,250SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos