O Concello de Mazaricos trasladou á xerencia da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza a súa preocupación pola reorganización da atención sanitaria no municipio tras o traslado da doutora María Iglesias, e pediu garantías de que a situación non derivará nunha diminución de persoal no centro de saúde.
Segundo a información facilitada polo goberno local, o alcalde Juan José Blanco contactou co responsable sanitario para coñecer como se cubrirá a vacante e responder ás dúbidas expresadas pola veciñanza, especialmente entre os usuarios que tiñan asignada esa profesional como médica de cabeceira.
Desde a Área Sanitaria explicouse que a praza non se amortizará e que a ausencia responde a unha situación temporal, xa que polo momento non houbo solicitudes para ocupar ese destino. Mentres non se produza unha incorporación, os pacientes foron derivados ao resto de facultativos do centro.
Juan Blanco: «A saúde é un dereito básico»
O Concello aproveitou este contexto para reiterar as súas reclamacións á Consellería de Sanidade, insistindo en manter intactas as prazas existentes e solicitando melloras na asistencia, entre elas pediatría a tempo completo e unha presenza regular de matrona, coa finalidade de evitar desprazamentos a outros concellos.
“Non consentiremos baixo ningún concepto que se reduza o número de facultativos no noso centro de saúde. Ao contrario, seguiremos insistindo na necesidade de mellorar os servizos sanitarios no noso concello, especialmente en pediatría e atención á muller”, afirmou Blanco.
O goberno municipal asegurou que fará un seguimento da situación e advertiu de que manterá unha posición firme ante calquera recorte. “A saúde pública é un dereito básico que debemos garantir especialmente no rural, onde o acceso a servizos sanitarios xa presenta dificultades adicionais”, engadiu o alcalde.

