Eirón, no concello de Mazaricos, acollerá este sábado 24 de xaneiro a quinta edición do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal, unha xornada de memoria histórica organizada polo Instituto Galego de Terras Comunitarias, INGATECO.
O acto lembra a defensa das terras veciñais durante o franquismo e, de maneira especial, os feitos do 22 de xaneiro de 1963, cando José Esperante París, “Che de Pedro”, foi asasinado ao opoñerse á incautación do monte comunal para repoboación forestal. Naquel suceso tamén resultaron feridos graves Andrés Alvite Santos e Marcelino Esperante Antelo.
O programa comezará ás once da mañá no local social de Eirón, coa recepción das persoas asistentes e intervencións de INGATECO, do alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, e da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.
A continuación, o historiador Eduardo Rico Boquete, da Universidade de Santiago, ofrecerá unha charla sobre a conflitividade social ligada ás repoboacións forestais durante a ditadura.
Á unha da tarde terá lugar a lembranza das persoas represaliadas na Braña da Gatiñeira, diante do monumento a Che de Pedro, cunha ofrenda floral e a interpretación do Himno Galego a cargo da artista mazaricana Yas Deluaces.
A xornada pecharase cun xantar de confraternidade en Casa Pego, en San Cosme de Antes.


