O BNG da Costa da Morte reclamou ao Partido Popular que destine menos recursos a actos de propaganda e máis a investimentos reais na comarca, logo do anuncio realizado este mércores 7 de xaneiro en Vimianzo sobre a licitación da chamada primeira fase da prolongación da autovía da Costa da Morte, no treito entre Santa Irena e a AC-432.
O deputado do BNG no Parlamento galego pola comarca, Óscar Insua, criticou duramente o acto da Xunta e os seus responsables, cualificando a iniciativa de “incumprimento en toda regra, no fondo, na forma e no tempo”. Insua asegurou que, tras anos de espera e presión política desde o Bloque, o anuncio realizado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas, “non deixa de ser propaganda dun mero trámite administrativo”.
Os nacionalistas destacan que a obra anunciada non corresponde coa autovía prometida en 2003 tras o desastre do Prestige, senón que se trata dun corredor cun só carril por sentido, e critican que o PP utilice cartos públicos para un acto “a todo bombo” en lugar de destinalos a necesidades reais da comarca, como centros de día, vivenda pública ou melloras no transporte público.
Óscar Insua subliñou que, a pesar de ser un avance que custou anos de traballo político, “seguiremos loitando nas institucións para que se complete a autovía e se tramiten as seguintes fases ata rematar a obra enteira”. O deputado tamén pediu á Xunta que aforre en publicidade partidista e invista na comarca, comezando por mellorar a mobilidade e reconsiderar peaxes como a de Carballo a Coruña, lembrando que a zona segue en reto demográfico e nunha posición periférica dentro de Galicia.
O BNG alerta de que, se a Xunta non modifica este enfoque, a Costa da Morte continuará sendo unha das últimas zonas en beneficiarse de infraestruturas públicas, ao tempo que insiste en que os recursos que se gastan en propaganda poderían repercutir directamente no benestar dos veciños.

