A corporación local de Santa Comba aprobou o destino dos fondos do Plan Adicional 4/2025 da Deputación, dotado con 399.000 euros. No pleno acordouse destinar 267.997 euros ao pagamento de facturas, co voto favorable do PSOE e a abstención do Partido Popular.
A contía restante, 131.995 euros, dedicarase a obras que se aprobarán no pleno ordinario de novembro. O alcalde, Alberto Romar, avanzou que os investimentos permitirán mellorar o acceso á Cova, os núcleos de Castro de Freixeiro e Randufe, e a vía que conecta Vilarqueimado coa Ponte dos Moucos.
O rexedor destacou os “criterios obxectivos” que, segundo afirmou, caracterizan as axudas da Deputación. Desde o PP matizaron que este tipo de plans e axudas son de sempre e que «nunca imos ir en contra dunha subvención» sexa cal sexa a administración.
Modificación da ordenanza de camiños
Na sesión tamén se aprobou a modificación da Ordenanza reguladora da protección de camiños municipais en relación coas operacións forestais, accesos ás fincas e conservación das mesmas.
O alcalde xustificou a necesidade de flexibilizar a normativa ao considerar que “as empresas madeireiras están a cumprir” e que “imos entrar nunha boa dinámica”, despois dunha etapa na que se pasou de ter unha norma “que non se cumpría” a aplicar medidas durante o actual mandato socialista.
A portavoz do PP, María Pose, referiuse a este «cambio de opinión» como un “paso atrás” do goberno local: “Por un lado sancionamos e agora queremos ser os bos”. O grupo popular abstívose neste punto.
“Eu aplico as normas con criterio e rigor, non buscamos confrontación”, respondeu Romar.


