A deputada autonómica do PSdeG, Patricia Iglesias Rey, asegurou nunha entrevista en Radio Xallas que os orzamentos da Xunta para 2026 son “raquíticos e regresivos”, xa que o seu incremento do 2,1 % “nin sequera cobre o aumento do custo da vida, que se sitúa arredor do 2,9 % segundo o IPC”. A parlamentaria sostivo que “non responden ás necesidades reais dos galegos e galegas nin ás urxencias en materia de vivenda, sanidade ou dependencia”.
“Moitos proxectos repítense cada ano sen chegar a executarse”
Xa en clave comarcal, Iglesias afirmou que, segundo o seu grupo, moitas partidas orzamentarias repítense ano tras ano sen chegar a executarse, citando proxectos como a autovía da Costa da Morte, a variante de Carballo ou as actuacións en distintos polígonos empresariais da comarca.
“Quedan pintadas no papel, pero non se fan realidade”, explicou, sinalando que esa falta de execución “impide un desenvolvemento equilibrado do territorio”.Puxo como exemplo de reiteración e incumprimento a autovía da Costa da Morte e a conexión entre Santa Comba a Portomouro.
Críticas ao “uso propagandístico” dos orzamentos
A deputada tamén denunciou que o Goberno galego “anuncia proxectos con fins propagandísticos antes de presentar os orzamentos, e logo non aparecen recollidos con partidas concretas”.
Como exemplo, mencionou o colexio de Camariñas, do que —segundo explicou— “se falou publicamente, pero non figura nos orzamentos con nome e apelidos”. Para Iglesias, esta práctica supón “un uso inadecuado dos recursos públicos e unha falta de respecto institucional cara ao Parlamento e á oposición”.
Baixa execución en vivenda e crítica aos recortes sociais
No plano social, a representante socialista advertiu de que a execución en materia de vivenda apenas chega ao 5 %, segundo os datos que manexa o grupo parlamentario.Tamén criticou que a Xunta “pague máis polos xuros da débeda —máis de 1.800 millóns de euros— ca polo incremento en sanidade”, e acusou ao Executivo de “recortar e privatizar servizos públicos básicos”.
“Aumentan os concertos coa sanidade privada e cos colexios concertados, mentres a atención primaria e a educación pública perden persoal e recursos”, afirmou.

A deputada defende un reforzo da dependencia e das políticas públicas
Sobre a dependencia, Iglesias indicou que o Goberno de España “incrementou un 39 % o financiamento nos últimos sete anos” e comprometeuse a esixir que se cumpra o reparto ao 50 % entre ambas administracións. Cuestionou, non obstante, as cifras de 2.500 millóns de euros que a Xunta asegura que o Estado lle debe, porque —dixo— “non se achegan datos que as xustifiquen”.
O PSdeG anuncia emendas e reivindica o seu carácter municipalista
A deputada insistiu en que o PSdeG presentará emendas aos orzamentos, “escoitando as propostas dos concellos e comarcas”.
Lembrou que o ano pasado o PP “non aceptou ningunha das 92 emendas socialistas”, pero garantiu que seguirán “traballando en defensa da sanidade, da educación e das políticas sociais públicas”.
Finalmente, Iglesias reivindicou o carácter municipalista do PSdeG, destacando o contacto directo coas alcaldías da Costa da Morte e Bergantiños. “Hai que saír ao territorio e escoitar á veciñanza, que é quen mellor coñece os problemas do día a día”, concluíu.

