O Concello de Mazaricos puxo en marcha un ambicioso proxecto de recuperación da memoria fotográfica do municipio co obxectivo de crear un arquivo histórico que permita conservar e difundir as imaxes máis significativas da vida en Mazaricos ao longo do século XX.
A iniciativa, impulsada dende a Concellería de Cultura, centrase na recollida de fotografías anteriores a 1985 que reflictan a vida cotiá, as tradicións e a evolución urbanística do concello. Buscan especialmente instantáneas de grupos familiares, actividades laborais, festas locais, actos relixiosos, eventos deportivos e escenas escolares, así como imaxes dos núcleos urbanos da Picota e Pino de Val e das diferentes aldeas do Concello.
Especial atención ao centenario da Picota
O proxecto adquire especial relevancia de cara a 2026, cando se celebrará o primeiro centenario da Picota. «Queremos reconstruír a historia visual deste núcleo urbano a través das imaxes que as familias conservan nos seus arquivos domésticos», explica o técnico de Cultura, Jesús Jurjo. «Cada fotografía é un testemuño único do noso pasado común».
Proceso de dixitalización sinxelo e rápido
As persoas interesadas en colaborar poden achegar as súas fotografías á Casa da Cultura, onde se realizará unha dixitalización rápida e gratuita das imaxes, devolvéndolles os orixinais no momento. Tamén se pode contactar a través do teléfono 635 140 327 ou do correo electrónico cultura@mazaricos.gal .
«O noso obxectivo é crear un fondo documental que nos permita organizar exposicións, publicar libros e difundir o noso patrimonio visual en diversos soportes», sinala o técnico.
«É unha oportunidade única para que a cidadanía participe activamente na construción da nosa historia colectiva». O arquivo histórico estará dispoñible para investigacións, publicacións e proxectos culturais, garantindo sempre a protección dos dereitos de imaxe e a correcta atribución das fotografías.


