O Concello de Camariñas e a asociación Mar de Fábula, iniciaron unha campaña de concienciación ambiental para sensibilizar á veciñanza sobre a importancia de non tirar lixo ao mar e protexer o medio mariño e o litoral.
A iniciativa, baixo o lema «Camariñas, a perla da limpeza ambiental da Costa da Morte», busca fomentar a responsabilidade cidadá na xestión dos residuos e na conservación da contorna natural.
A campaña consiste no reparto dun tríptico informativo en todos os domicilios do municipio, con recomendacións sobre boas prácticas ambientais e os efectos do lixo mariño sobre a fauna e os ecosistemas costeiros.
Charlas de concienciación
Ademais, organizaranse reunións informativas nas parroquias para explicar os obxectivos da iniciativa e recoller as opinións da veciñanza. Estas reunións celebraranse o 24 de outubro, e 7 e 21 de novembro, en Camelle, Ponte do Porto e Xaviña, respectivamente.
A primeira xuntanza tivo lugar o pasado venres en Camariñas, onde representantes do PSOE, PP e BNG asinaron un manifesto.

A deputada Paula Mouzo puxo en valor o traballo de Mar de Fábula
Por outra banda, A deputada popular Paula Mouzo Mas destacou a importancia de coidar a natureza no inicio dunha campaña ambiental impulsada por Mar de Fábula e o Concello de Camariñas para recoller refugallos do mar e do litoral.
O PP de Camariñas asinou o manifesto comprometéndose coa limpeza e protección do entorno costeiro e coa defensa dun futuro sostible. Na primeira xornada, Mouzo reuniuse con membros de Mar de Fábula e amosou o seu apoio ás accións divulgativas e informativas sobre o coidado do medio mariño.
Neste sentido, Paula Mouzo valorou o traballo que desenvolve Mar de Fábula na loita contra a contaminación mariña, “partindo da base do compromiso que temos as persoas vinculadas co mar e tendo presente que esta responsabilidade debemos transmitila ás novas xeracións”.

