O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañou esta mañá a inauguración en Bos Aires do primeiro pase de cata da iniciativa Saborea Galicia Calidade no hotel Grand Brizo, un evento que busca poñer en valor a gastronomía galega entre medios especializados e referentes locais.
Manuel Costiña en Bos Aires
O acto contou coa presenza destacada do chef Manuel Costiña, do restaurante Retiro da Costiña de Santa Comba, con dúas estrelas Michelin e co selo Galicia Calidade, que liderou a cata dos pratos servidos en pezas de cerámica con selo Artesanía de Galicia, dentro da campaña Artesanía no prato.

Días da Hispanidade
González destacou que esta iniciativa, que inclúe actuacións dos artistas Baiuca e Luz Casal, responde á condición de Galicia como rexión convidada de honra pola Embaixada de España de cara ao Día da Hispanidade e pretende fortalecer os vínculos entre Galicia e Arxentina, así como promocionar unha imaxe moderna e dinámica da comunidade galega no exterior.
Convidou aos asistentes a visitar Galicia para descubrir a calidade e diversidade dos seus produtos.


