A localidade de Zas celebra desde hoxe a 40ª edición da súa emblemática Festa da Carballeira, un evento que se estenderá ata mañá e que este ano rende homenaxe ás cantareiras e ás mulleres da música galega cun cartel íntegro de artistas femininas.
A programación deste venres, 8 de agosto, abrirase pola noite coas actuacións de Catuxa Salom, Tanxugueiras e Agoraphobia, nunha sesión que promete mesturar a forza da música tradicional coa enerxía das novas propostas.

Programa para o sábado
Para mañá sábado, 9 de agosto, a festa arrancará ás 12:00 horas con Uxía Lambona e a Banda Molona, seguida de A Banda da Loba. Pola tarde terá lugar a Gran Foliada, coa participación de agrupacións como Chorima, Gaiteiras de Xiradela, Pandereteiras de Raigañas, Gaiteiras de Buxantes, As Lerchas e Xela Cantareira, pechando o proxecto Carmela. Xa pola noite, subirán ao escenario Caamaño Ameixeiras, Mercedes Peón, SÉS e Señora DJ.
O evento contará cunha zona de acampada gratuíta próxima ao recinto, ademais de espazo gastronómico, feira de artesanía, zona infantil e sesión vermú. A tradicional mexillonada popular volverá repartir máis de 500 quilos de mexillóns de balde.

Un festival con historia
A Festa da Carballeira naceu dunha antiga celebración do Santísimo Sacramento, cando a veciñanza se reunía no Souto para compartir merendas ao son da música tradicional. Recuperada a mediados dos anos 80, a cita foi medrando ata converterse nun dos festivais de referencia en Galicia. No ano 2016 ampliou a súa programación a dous días e reforzou a súa oferta gastronómica e de actividades complementarias.
Co paso dos anos, o evento mantivo un carácter familiar e interxeracional, atraendo a público de dentro e fóra de Galicia. Na última edición, máis de 5.000 persoas participaron na xornada do sábado, cun incremento medio de asistencia do 30 % anual.

Compromiso e reivindicación
Este 40 aniversario reforza tamén o compromiso social do festival: parte da venda de cada entrada online destinarase á Asociación de Loita contra a Enfermidade de Rett, unha doenza que afecta principalmente a nenas e mulleres.
Segundo o director do festival, Fidel Otero, esta edición “100% en galego e 100% en feminino” é unha homenaxe ás mulleres da música tradicional e unha mostra de resistencia cultural fronte ás dificultades crecientes que afrontan as entidades organizadoras.
Entradas e prezos
As entradas están dispoñibles na web oficial e nas redes sociais do festival. En venda anticipada, o prezo é de 10 euros por día ou 18 euros polo abono completo; en taquilla, 15 euros por día ou 25 euros polo abono. As persoas menores de 14 anos e maiores de 60 teñen entrada gratuíta, e o Concello de Zas distribui invitacións entre a veciñanza.
Catro décadas despois, a Festa da Carballeira segue a ser “do pobo e para o pobo”, combinando música, tradición, reivindicación e convivencia nun espazo que cada verán se converte en punto de encontro da cultura galega.


