O Concello de Dumbría vén de lanzar unha nova edición do concurso fotográfico #Dumbríaé, unha proposta que busca recoller imaxes que reflictan a esencia do municipio a través da ollada da veciñanza e das persoas que o visitan.
Desde o ano 2011, #Dumbríaé consolidouse como un movemento de identidade local presente nas redes sociais e en actividades vencelladas á cultura, o turismo, o deporte ou a historia do concello, con etiquetas como #DumbríaéDeporte, #DumbríaéTurismo ou #DumbríaéCamiño.
O certame convida a enviar fotografías auténticas e representativas do territorio: paisaxes, festas, tradicións, gastronomía, escenas cotiás ou actividades vencelladas ao Camiño de Santiago. As imaxes poden ser actuais ou antigas, e presentaranse a través da web municipal: https://dumbria.gal/concurso-de-fotografia. O prazo estará aberto ata o 30 de setembro ás 23:59 h.
Un xurado elixirá as 12 fotografías gañadoras, que recibirán cadanseu bono de 100 euros para gastar no comercio ou hostalaría local. Cada persoa poderá obter ata tres premios.
A entrega terá lugar nun acto público que servirá como celebración da creatividade e da identidade do municipio. Con esta iniciativa, Dumbría reafirma o seu compromiso coa promoción do territorio, a dinamización local e a participación cidadá.
Para máis información: correo@dumbria.es / 981 744 001


