Os deputados do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Paula Mouzo Mas e Roberto Rodríguez, visitaron este 12 de xullo os Penedos de Traba e Pasarela, situados nos concellos de Laxe e Vimianzo. Durante a visita, destacaron a relevancia do Plan de Xestión da paisaxe protexida, promovido pola Xunta de Galicia, que contempla un investimento de arredor de 600.000 euros nos próximos dez anos.
O plan, o primeiro aprobado en Galicia especificamente para unha paisaxe protexida, estrutúrase arredor de catro eixes principais: a conservación do patrimonio natural, cultural e inmaterial; a xestión sustentable e control dos usos; a investigación e educación ambiental; e a promoción turística responsable.
Entre as actuacións previstas atópanse a renaturalización de espazos mediante a plantación de especies autóctonas e eliminación de eucaliptos e outras especies invasoras; a mellora e sinalización de rutas; a creación de aparcadoiros e miradoiros; a elaboración de inventarios e estudos sobre o valor histórico e arqueolóxico da zona; a produción de material didáctico; e accións de mantemento orientadas ao control de verteduras e á regulación dos usos tradicionais compatibles co espazo protexido.
“A través deste tipo de actuacións, a Xunta demostra o seu compromiso coa conservación do medio ambiente e co desenvolvemento equilibrado das áreas naturais protexidas”, sinalaron os deputados, que puxeron o acento na importancia de “concibir Galicia como un territorio sostible, dotando o medio rural de servizos de calidade” aseguraron os parlamentarios autonómicos que estiveron acompañados polo alcalde de Laxe, Francisco Charlín.


