O Tecor da Sociedade de Caza San Vicente, no concello de Vimianzo, acolleu unha nova edición da Copa FGC da Coruña de Cans de Parada “Xunta de Galicia”, proba puntuable para a Copa Galicia nesta especialidade.
A competición foi organizada pola Federación Galega de Caza na Coruña, coa colaboración da Sociedade de Cazadores San Vicente de Vimianzo. A xornada, dirixida por Xulián Gandarela, desenvolveuse con deportividade e estivo marcada por temperaturas elevadas.
Nesta ocasión, só os cans de razas británicas acadaron cualificacións. O primeiro posto foi para o setter “Ralf”, propiedade de José María Carnota Ríos, cunha cualificación de 1º MB. A segunda posición foi para o pointer “Pul de Camp de Lira”, de Jaime Aneiros, cun 2ºB, mentres que o terceiro posto recaeu noutro exemplar da mesma raza, “Seuz”, tamén propiedade de Aneiros, cun 3ºB.
A Copa contou co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Arion e Mutuasport.
Participaron na entrega de premios a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, o presidente da sociedade de caza Juan Carlos Amado e representantes federativos.


